Blogia
IDENTIDADE GALEGA

A Xunta de Galicia deixa os parados galegos se sanidade pública.

A Unión Comarcal da CIG da Coruña denuncia o caso dunha muller, desempregada de longa duración, á que a Consellaría deixou sen médico de cabeceira e sen acceso á súa medicación.
 
A CIG visibilizou publicamente esta mañá en rolda de prensa as consecuencias que as políticas de recorte e privatización da sanidade pública iniciadas polo Goberno da Xunta do PP están a ter. A Unión Comarcal da CIG da Coruña fíxose eco do caso dunha muller, desempregada de longa de duración, á que lle denegaron, sen previa comunicación, o acceso á consulta e á asistencia farmacéutica gratuíta logo de que o SERGAS lle desactivase a súa tarxeta sanitaria por ser unha persoa sen recursos económicos.
 
Mercedes Amaral, que se atopa en situación de desemprego de longa duración e carece de ningún tipo de prestación económica, acudiu, como noutras ocasións, a pedir cita co seu médico de cabeceira. Para a súa sorpresa, no centro de saúde informáronlle que non tiña dereito á consulta porque a súa tarxeta sanitaria fora desactiva e figuraba de baixa na Seguridade Social. A maiores, Mercedes Amaral está recibindo tratamento por depresión e estrés. Un tratamento ao que agora non pode acceder porque ten denegada a asistencia farmacéutica gratuíta. Para poder mercar as súas medicinas, Mercedes tivo que solicitar a axuda dunha ONG.

Así o denunciaba esta mañá en rolda de prensa a propia afectada. O seu caso chegou á CIG a través de Mertxe Carrión, delegada da central sindical en Cáritas, e á que Mercedes Amaral se dirixiu para exporlle a súa grave situación. Porén non é o único caso, xa que en Galiza, nestes momentos existen 65.000 familias sen recursos que dende o pasado 10 de setembro poderían ter quedado sen dereito á sanidade pública.

Esta situación vén xerada pola Orde da Consellaría de Sanidade, publicada no DOG do 9 de setembro, que, xunto co protocolo de traballo remitido aos centros de saúde e hospitais, “regula” o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes (PSR) e as persoas desempregadas (o chamado código 29). Segundo este protocolo, o Goberno do PP deixa as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta sen dereito a ter médico asignado, a poder ser citados e a ter prestación farmacéutica. Só se lles recoñece dereito á asistencia de urxencia e emerxencia. Neste caso daráselle unha alta rápida como “privado” e obrígaselle a asinar un compromiso de pago da asistencia realizada.

“En nome da crise financeira e a suposta austeridade, a Xunta está a xustificar a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público”, denunciaba durante a comparecencia para os medios a Secretaria de Organización da CIG da Coruña, Dores Martínez Castelo, quen subliñou o “carácter desolador e inhumano” destas políticas de recortes que “de xeito calado está a levar a cabo o Goberno galego”.

A este respecto lembrou a redución en 237 millóns de euros dos orzamentos destinados á sanidade pública, o incremento dos concertos cos centros privados, a entrada de capital privado para o financiamento dos novos hospitais, a redución de consultas e actividade nos quirófanos na quenda de tarde (incrementado así as listas de espera), a redución de persoal sanitario mediante a non cobertura de baixas e xubilacións (minguando deste xeito a calidade asistencial), “e agora, ademais, a Xunta publica un decreto que nega o carácter universal da sanidade”.

Aplicación inmediata

O proceso de aplicación deste novo protocolo de xestión a PSR e persoas desempregadas estase realizando sen comunicación previa e ten unha acción inmediata, apuntaba a Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, María Seijo. Todas as persoas que carezan de recursos económicos suficientes e os desempregados/as que leven máis de 12 meses en paro terán que solicitar a tarxeta como PSR para poder utilizar os servizos sanitarios públicos en condicións de universalidade e gratuidade. No caso das persoas que se atopen en situación de desemprego pero que tivesen estado de alta como traballador/a en activo con dereito á asistencia nos doce meses anteriores poderán solicitar o recoñecemento á asistencia como Código 29.

Non obstante, a tarxeta como PSR ten un procedemento de tramitación de entre oito e dez meses. Nese tempo, matizaba Seijo, as persoas demandantes permanecerán sen dereito á sanidade pública. “Coa desculpa de realizar un trámite de ordenamento dos colectivos con dereito á prestación sanitaria, a Xunta o que vén de facer é deixar desprotexidos aos colectivos máis febles e desfavorecidos”. A este respecto, a responsábel da CIG-Saúde criticaba o deshumanizador do procedemento, posto que en ningún momento as persoas afectadas foron informadas desta situación, senón que teñen coñecemento da mesma cando queren utilizar algún servizo médico.

De feito, subliñou, o SERGAS nin sequera informou desta nova orde a o colectivo de traballadores e traballadoras da sanidade, que quedaron estupefactos/as no momento de coñecela. 

Así mesmo, Mertxe Carrión subliñou que as persoas que quedan sen dereito á sanidade vense na obriga de ter que acudir a organizacións sociais e ONGs para poder continuar coas medicacións que estaban tomando ou recibir algún tipo de asistencia básica. Ademais, lembrou que, segundo as tarifas publicadas polo SERGAS, o acceso a unha primeira consulta no sistema pública está estabelecida en máis de 60 euros.

Ante esta vulneración dos dereitos básicos e a ruptura dos principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública, dende a CIG lanzouse unha chamamento á cidadanía para que reaccione e se mobilice en contra duns recortes que baixo a escusa da crise só buscan favorecer á sanidade privada e as empresas que a xestionan. Fronte a isto, a CIG lembra que a propia Constitución española recoñece o dereito a saúde e a propia Lei de Saúde de Galiza estabelece o dereito a atención sanitaria con cargo a fondos públicos e con cobertura universal. 

0 comentarios