A reforma electoral, totalmente antidemocratica discriminadora cos galegos que viven fora, favorecedora do voto extranxeiro nas eleccions municipais; pretende apuntalar o réxime bipartidista xurdido en 1975 e causante de todolos problemas que hoxe sufrimos.

Idega no seu dia posicionouse en contra da reforma da lei electoral, e seguimos en contra; polo ben de Galicia e dos galegos.

                                 --------------------

A reforma electoral dificulta que os pequenos partidos galegos estean no 20-N

>> Grupos minoritarios esperan as instrucións da Xunta Electoral Central que lles obrigan a presentar avais iguais ao 0,1% dos censados nunha ciscunscrición.

 

A reforma da Lei Electoral de Réxime Xeral feita este ano e impulsada polos grandes grupos políticos trouxo máis novidades ademais do feito de que os emigrantes perdesen o dereito a voto nas municipais. Entre as modificacións da Loreg existe unha nova directriz para todos os partidos sen representación no Congreso dos Deputados que os obriga a conseguir un aval equivalente ao 0,1% dos membros do censo electoral de cada circunscrición, é dicir, de cada provincia. Por exemplo, para presentar unha candidatura pola circunscrición da Coruña sería preciso presentar máis de 1.000 avais.

No momento de poñer en marcha esta medida, os grandes partidos argumentaron que era necesario pedir estes avais aos grupos pequenos para evitar situacións tales como o feito de que existan candidaturas nas que nin un candidato está censado na provincia ou candidaturas que se retiran nos días previos á celebración dos comicios.

Baixo estas premisas, os partidos minoritarios afánanse estes días en conseguir os avais necesarios para poder participar nos comicios xerais do 20-N, unha cita electoral que cada vez máis parece estar marcada por un grave tinte bipartidista. Non obstante, estas formacións critican o tratamento que están a recibir dende o Estado. Carlos Vázquez Padín, secretario xeral de Converxencia XXI, explica como a súa formación agarda a que entre o mes de setembro xa que está previsto que a Oficina do Censo Electoral emita entón unhas instrucións que arroxen luz sobre as dúbidas que, ao se entender, presenta a norma.

“Hai moitas dúbidas, por iso a Oficina do Censo Electoral vai emitir unhas instrucións en setembro que nos deixan, en todo caso, o tempo xusto para poder facer os trámites necesarios. Non obstante, este requisito do 0,1% do censo non é nada sinxelo”, manifesta. “Non se especifica realmente como teñen que presentarse os avais, e se estes teñen que ter a sinatura dun notario. Nese caso temos que darnos conta de que a forma de cada aval custaría uns 10 euros, polo que se multiplicamos entre o 0,1 de todas as circunscrición galegas estamos falando dunha cantidade moi considerable para unha formación pequena”, comenta Padín. “Imaxinemos que, efectivamente, os avais teñen que ter o visto e prace dun notario. Quen pode crer que 1.000 persoas na Coruña decidan acudir ao notario para apoiar a un partido, terán que ir eles persoalmente?”, manifesta.

“Que pasa cos partidos como UPyD ou IU que non teñen representación no Congreso por todas as circunscricións nas que se presenta? Eses tamén teñen que presentar avais naquelas circunscricións onde non conseguiron ningún representante no Congreso? Supoño que non”, reflexiona o líder da formación Converxencia XXI, denominado de centro nacionalista.

“Isto non é máis que un veto electoral para favorecer a partitocracia nun momento no que os grandes partidos saben que, debido a actual situación de descrédito, os pequenos partidos poden dar o golpe”, pensa o político e actual concelleiro en Tui.

Formacións pequenas e de novo cuño xa se están a afanar por medio das redes sociais para poder conseguir os avais que lles permitirán presentarse ás xerais. É o caso do denominado Partido da Terra, unha formación galeguista que pide un aval para poder presentarse a estes comicios. “O teu aval non implica ningún compromiso co Partido da Terra, nin tan sequera o de votar por el no 20-N, pero o teu apoio é imprescindible para facer que a pluralidade democrática non sexa totalmente varrida polos partidos establecidos”, declaran.

Fonte Xornal