Blogia
IDENTIDADE GALEGA

As consecuencias do neoliberalismo: Galicia perde de novo..

Folga de entregas de leite contra "o espolio inmoral que sofren os gandeiros galegos"

Os produtores lácteos de Galicia dan un paso máis e veñen de decidir por unanimidade que iniciarán "de inmediato" un calendario indefinido de mobilizacións que irá acompañado, ademais, dunha folga de entregas de leite a partir do vindeiro martes 27 de novembro, no que supón unha medida sen precedentes duns gandeiros afogados polos ridículos prezos que reciben polo produto. 

Así o confirmaron a través dun comunicado conxunto Unións Agrarias (UUAA), a Asociación Agraria de Novos Agricultores de Galicia (Asaja) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). Nel, cualifican de "histórica" a xuntanza mantida este luns na capital galega e na que acordaron unhas medidas de presión acorde co que consideran  unha situación difícil de aturar nos vindeiros meses. Na actualidade, os gandeiros galegos reciben unha media de 28 céntimos por cada litro de leite, unha cantidade moito menor á que recibe o sector noutros territorios do Estado.

Organizacións, federacións, cooperativas e asociacións lácteas reaccionan ante unha situación "case terminal" do sector

Nesta reunión participaron "a práctica totalidade" das organizacións, federacións, cooperativas e asociacións nas que se agrupa o sector produtor de leite en Galicia para coincidir en "manifestar a súa profunda preocupación" pola situación "case terminal" pola que atravesan as explotacións en Galicia. Ante esta situación, decidiron que porán en marcha axiña accións de presión "contra as industrias, distribución e administracións" co obxectivo de que "poñan freo ao espolio inmoral e ilegal que cada día sofren os gandeiros galegos".

Serán accións de protesta "contra as industrias, distribución e administracións" para "poñer freo ao espolio inmoral e ilegal que sofren os gandeiros galegos"

Así, nesta mesa sectorial, acordouse crear un grupo de traballo no que estarán presentes "todas as organizacións" para o deseño das accións, a posta en marcha da loxística e a canalización da información aos produtores. Desde o conxunto das organizacións agrarias son conscientes de que as históricas accións poden "causar molestias" nos consumidores, polo que piden "comprensión e apoio" deles ante unhas protestas que poden provocar o desabastecemento de leite en varios puntos de Galicia. O seu obxectivo, lembran, é evitar que comarcas enteiras queden sen actividade comercial e acaban reducidas "á miseria económica e social".

Un informe de UUAA advirte de que hai en perigo dez mil postos de traballo no rural galego

A resposta contundente dos produtores lácteos chega logo de que un informe de UUAA advertise de que a grave crise pola que pasa o sector pon en perigo uns dez mil postos de traballo no rural, a maioría deles dependentes de centos de explotacións que semellan condenadas ao peche polos baixos prezos que reciben polo leite ou polas débedas acumuladas.

Segundo este mesmo documento, en Galicia hai unhas 3.000 explotación lácteas acollidas ao plan de modernización nos últimos anos e que están a piques de suspender pagos. Xa que logo, as granxas máis preparadas e adaptadas aos novos tempos poderían pechar nos vindeiros meses, un número de explotacións que equivale a case o 30% das existentes en Galicia.

0 comentarios