Blogia
IDENTIDADE GALEGA

Estratexias

Excelente artigo de Victor Freixanes, coincidimos totalmente..

Estratexias

E mpezaron cos funcionarios: devaluación, cando non degradación ou desprestixio da función pública. Aquel traballador ou traballadora que pon o seu tempo ao servizo da cidadanía, en calquera ámbito que sexa: na educación, na sanidade, na Administración, volve ser considerado caste privilexiada, elixido pola fortuna (ou polo enchufismo) para alimentar a Gran Máquina a costa dos cidadáns. Tal é a imaxe que se nos pretende dar. Teñen traballo fixo, gañado por oposición. ¡Inadmisible nestes tempos! Ninguén se mete cos banqueiros. Ninguén toma medidas concretas, quero dicir. Nin cos grandes ou medianos especuladores que nos arrastraron a esta agonía. Cos funcionarios, si.

O seguinte asalto están a ser as autonomías. Xa se ve que son as culpables de todo: por megalómanas, por insolidarias, por egoístas, por dilapidadoras? Tampouco ninguén pide responsabilidade aos xestores que viñeron dispoñendo de cartos públicos (a pólvora do rei, que dicían os clásicos) para todo tipo de fantasías, aplaudidos as máis das veces polos seus superiores orgánicos (os xefes do partido) a prol de conseguir clientela (votos) que lles permita continuar a bordo.

Ninguén pon enriba da mesa o discurso da Administración única, fóra das primeiras formulacións teóricas de Fraga, nin parece querer afrontar en serio a corrección das duplicidades que o Estado central non solta, nin se considera a necesidade dunha política de financiamento que equilibre realmente os servizos asumidos (algúns moi custosos: educación, saúde?) e articule unha máis axeitada captación de recursos. Seica iso non interesa. A ofensiva dende os sectores máis involucionistas, aguilloados por columnistas de opinión afíns, ben se ve: o problema é o modelo (o Estado das autonomías).

Son estratexias para ir creando opinión. Outra fronte que se albisca son os medios de comunicación de titularidade pública. Vella teima. ¿Para que queremos a TVG? Non é a primeira vez que o digo: a creación da CRTVG en 1984 foi, despois do Estatuto de Autonomía, a iniciativa política máis importante e integradora do proxecto social que Galicia representa, como identidade, como cultura, como comunidade de intereses compartidos: a nación dos galegos, mesmo aqueles que viven espallados polo mundo e seguen a canle internacional en Europa e en América. Podemos discutir a súa xestión, a súa programación, as súas prioridades e estratexias. Pero a existencia dun medio de comunicación público destas características paréceme fundamental para a propia viabilidade do país (se é que queremos seguir tendo país).

Da lingua mellor non falar. Malia a retórica oficial e os discursos paternalistas da clase dominante, o idioma galego está a sufrir un dos acosos máis serios dos últimos tempos: por activa, avivando discursos demagóxicos de pretendido darwinismo social, e por pasiva sobre todo, inhibíndose dunha actuación decidida. ¿Para que queremos este adorno? Son estratexias que, pinga a pinga, van creando opinión, ou estragándoa, para poder logo actuar en consecuencia, impunemente.

0 comentarios