Contra os rescates soberanos.
Interesante artigo de Xornal.com que asumimos desde Idega.
..............................
Contra os rescates soberanos
Moitos reproban os rescates bancarios. Mesmo se indignan. Porén, ninguén, ou case ninguén, cuestiona os rescates de países altamente endebedados como Portugal, Grecia ou Irlanda. É curioso, porque os rescates bancarios e os rescates soberanos teñen moitas semellanzas.
Tanto os rescates bancarios como os rescates soberanos supoñen transferencias dos contribuíntes á banca. A alternativa ao rescate soberano é deixar que un país suspenda pagamentos e renegocie a súa débeda. A reestruturación da débeda consiste basicamente en que o goberno comunica aos acredores que non ten diñeiro para facer fronte ás súas débedas no prazo acordado e que se lle debía 100 vailles pagar 80 e non dentro de seis meses, mais dentro de dous anos. Os perdedores dunha reestruturación da débeda son os acredores, que lle prestaron a quen non debían. E os principais acredores son os bancos. Porén, o rescate supón coller o diñeiro dos contribuíntes dun país, darllo ao goberno do país en dificultades, evitar que suspenda pagamentos e así garantir que os acredores cobran todas as débedas no prazo acordado. Os perdedores dun rescate son os contribuíntes. En definitiva, os rescates de Irlanda, Grecia e Portugal son unha gran transferencia de renda dos contribuíntes alemás ao bancos alemás.
A suspensión de pagamentos obriga á disciplina fiscal. Xustamente o que o país necesita, pois foi o esbanxamento público o que xerou a situación crítica. Se non paga a súa débedas, ninguén lle vai emprestar diñeiro. Isto é o que lle acontece exactamente aos países que suspenden pagamentos. Teñen que vivir do que recadan, non se poden endebedar porque ninguén está disposto a emprestarlle. Os rescates -aínda que normalmente condicionados a que o país en dificultades realice reformas estruturais que melloren o estado da súa economía- suavizan as presións reformadoras pois o diñeiro do rescate permite aos gobernantes culpábeis da desastrosa situación das finanzas públicas acochar as consecuencias ante a opinión pública e por tanto dilúe a súas responsabilidades.
Saber que se vai ser rescatado xera un problema de risco moral. Os malos gobernantes non terán medo a endebedarse demasiado pois saben que cando a situación torne insustentábel han recibir a asistencia do rescate. Así que, para incentivar os comportamentos eficientes, mellor deixarlles clariño que nunca van ser rescatados. A suspensión de pagamentos dun país da eurozona non ten porque supor problema algún para o euro. Por moito que se proclame aos catro ventos, normalmente sen aportar argumentos. Son as expectativas de rescate as que poden derrubar a moeda europea. Así como as débedas dos bancos tampouco supoñen problema algún para o euro, mais si as expectativas de socialización de débedas privadas. A sospeita de que os custos dos rescates –soberanos ou bancarios– serán tarde ou cedo monetizados é o que introducirá tendencias depreciativas na moeda europea.
0 comentarios