O PP comeza o desmantelamento de Mancomún despedindo os seus técnicos
A pesar de que o Goberno anunciara que mantería o pulo polo software libre iniciado na anterior lexislatura, a Consellaría da Presidencia comezou a liquidación de Mancomun, o organismo público creado xustamente para desenvolver este tipo de tecnoloxías en Galiza e en galego. Estes días, os empregados empezaron a recibir as cartas de despedimento e é posíbel que o propio organismo desapareza ou se manteña con novo persoal e novos obxectivos. Nos últimos meses, os membros do equipo de Mancomun, dirixidos por Xesús Baleato, denunciaran a intención do Goberno de reducir o investimento en software libre ao tempo que asinaban novos contratos con empresas do sector, caso de Microsoft, que manteñen unha política totalmente oposta en canto ao acceso da tecnoloxía por parte dos usuarios e as empresas.
Mancomun naceu no 2005 como parte do pacto de goberno entre PSdeG e BNG. Baixo a estrutura da Consellaría de Innovación iniciou diversos proxectos para introducir programas de software libre no tecido produtivo e tamén nos computadores da Administración. O seu deseño estrela foi o Galinux, un sistema operativo completo en galego que permitía facer un uso do computador completo (internet, ofimática, vídeo e audio...) sen necesidade de comprar software engadido. As súas vantaxes foron gabadas por diferentes representantes da industria e incluso da política. Nas últimas semanas, até o alcalde de Lalín, o popular Xosé Crespo, se mostrou favorábel ao seu desenvolvemento.
Fontes de Mancomun lamentaron a decisión da Xunta mais recordaron que o desenvolvemento de proxectos de software libre desde Galiza seguirá en pé grazas ao traballo de iniciativas particulares agrupadas en diversas redes.
0 comentarios