Crisis en Terra Galega
Pablo Padín e Xermán Tobío fracasan no seu simulacro de congreso ilegal
Xornal Galicia | Lunes, 14 Julio, 2008 - 08:36
O sector disidente, liderado por estas dúas persoas, apenas foi quen de xuntar a un reducido número de militantes no pseudocongreso celebrado por ambos o pasado sábado en Santiago, mostrando a súa nula capacidade de convocatoria e deixando en evidencia que non teñen nin a máis mínima lexitimidade para representar a esta formación. Ademais, tras esta xuntanza, en declaracións aos medios, Padín confirmou as sospeitas denunciadas polo sector maioritario do partido de pretender vender a Terra Galega ao mellor postor, tras recoñecer que “intentarei dar entrada a outros colectivos de centro”.
Se algo quedou demostrado o pasado sábado foi o pouco sentindo do ridículo e da democracia que os Srs. Pablo Padín e Xermán Tobío posúen. Primeiro, por pretender chamar congreso a unha xuntanza á que asistiron menos militantes dos que se poderían contar cos dedos de poucas mans, nada que ver coas máis de 500 persoas que asistiron ao primeiro congreso hai dous anos. Segundo por pretender convencer á sociedade galega de que “unha xuntanza de catro amigos” pode facerse lexitimamente co poder dunha formación política que ten case 70 concelleiros e cinco alcaldías.
É moi salientable o feito de que o sector disidente liderado por ambos non convocase aos medios antes da celebración do seu “congreso” e só chamasen a estes horas despois para comunicarlles o resultado das decisións alí tomadas. O obxectivo desta decisión era ocultar aos medios que detrás deles non existe nin o máis mínimo respaldo social do partido para así evitar que estes puidesen transmitir esta realidade á sociedade galega. De feito, ante a pregunta dalgún xornalista interesado en saber o número de asistentes ao congreso, o Sr. Padín viuse obrigado a contestar “los suficientes” ou “más de los necesarios”, sen querer dar un número concreto. Ademais, o Sr. Padín, ante a pregunta sobre a non-asistencia ao acto de 65 dos 69 concelleiros teguistas e de ningún dos 5 alcaldes do partido viuse obrigado a dar unha resposta que escapa fora de todo sentido da ética e da vergoña política, máis aínda se falamos dun pequeno partido coma este, e que deixa en evidencia a súa peculiar interpretación da democracia: “se trata del congreso de un partido, no de los cargos públicos que están en él”, obviando por tanto que se TEGA logrou converterse na cuarta forza política de Galicia foi grazas o esforzo de todos esas persoas ás que agora o Sr. Padín pretende ignorar.
Tamén foi moi curioso observar como os 500 afiliados dados de alta por el e o Sr. Tobío a última hora non apareceron por ningures, posiblemente porque toda esta xente non exista máis que na imaxinación de estes dous personaxes (realmente a día de hoxe aínda non sabemos se toda esa xente existe porque o Sr. Tobío leva case dous meses fora da legalidade tras negarse a facilitarlle ao coordinador xeral e representante legal do partido, Xoán Gato, as fichas de afiliación do partido, como así o establece os estatutos de Terra Galega e a lei de partidos políticos).
Pero ademais, o Sr. Padín confirmounos o que dende TEGA todos sospeitábamos dende hai tempo e que foi o detonante da situación actual que padece a nosa formación: o intento de venda do partido ao mellor postor. Tralos seus contubernios políticos mantidos ao longo destes dous anos con xente da categoría de Soto, Rivas Fontán, Cacharro, Carlos Marcos, Corcoba ou Diz Guedes, agora di que se mostra “aberto á entrada doutros colectivos de centro”, intentando abrir a porta traseira do partido a xente que nada ten que ver coas ideas que representa Terra Galega e que non nos representan nin nos representarán nunca. Xente que, por moito que lle pese a Padín, nunca imos a aceptar coma compañeiros de viaxe.
Finalmente, tamén resulta moi cínico e hipócrita por parte do Sr. Padín falar de renovación do partido cando o único que se limitou a facer nese congreso ilegal foi repartir os cargos do partido entre a súa pandilla de amigos, os únicos do partido que están dispostos a seguilo na súa viaxe cara a infamia e o cinismo político.
0 comentarios