Galicia ten 80.000 inmigrantes empadroados
Galicia ten 80.000 inmigrantes empadroados, dos que 41.000 cotizan á Seguridade Social
La Voz 21/11/2007Galicia conta con 80.000 inmigrantes empadroados, segundo datos que fixo públicos onte o secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luis Rodríguez, durante a súa participación nunhas xornadas organizadas por UXT en Ourense. Rodríguez sinalou que os sectores da agricultura e a hostalería concentran o maior número de inmigrantes en España, e que moitos dos que chegan a Galicia son descendentes de galegos que emigraron a países latinoamericanos.
Rodríguez tamén detallou que na provincia de Ourense cóntanse 14.000 inmigrantes empadroados; a maioría son traballadores da construción e minería procedentes de Portugal.
Seguridade Social
Nas mesmas xornadas, o secretario xeral de UXT en Ourense, José Luis Fernández Celis, afirmou que os traballadores estranxeiros supoñen o 10% dos cotizantes á Seguridade Social en España. Precisamente onte o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais difundiu os datos referidos á cotización dos inmigrantes: en Galicia, 41.058 estranxeiros cotizaban á Seguridade Social no mes de outubro. Esta cifra supón un aumento porcentual do 20,9% con respecto ao mesmo mes no ano 2006 e significa o 2,02% dos cotizantes en España.
Réxime xeral
Do conxunto de afiliados estranxeiros rexistrados o mes pasado, 30.212 cotizaban no réxime xeral, 4.570 no de autónomos, 3.677 no de fogar, 1.461 no de traballadores do mar e 1.138 no réxime agrario. Por sectores, a construción foi o que empregou a maior número de estranxeiros, 11.099. Séguenlle a hostalería, con 5.626 cotizantes, e a reparación de vehículos de motor, con 4.948.
Por procedencia, do total de afiliados, 18.677 eran cidadáns da Unión Europea e 22.236 non comunitarios. De entre os procedentes da Unión, os portugueses eran os máis numerosos (13.224 cotizantes), seguidos de romaneses (1.819) e italianos (1.103). De entre os non comunitarios, os colombianos eran maioría (3.522), xunto a brasileiros (2.001) e arxentinos (1.849). No conxunto de España, o número de estranxeiros afiliados descendeu en 15.416 ocupados.
0 comentarios