Blogia
IDENTIDADE GALEGA

Declaración Mondariz-Balneario

O legado de Ramón Cabanillas

Oito concellos impulsan a "Declaración Mondariz-Balneario"

Fonte Galicia Hoxe

Co gallo do 50 cabodano do pasamento de Ramón Cabanillas, o vindeiro 9 de novembro, os concellos de Mondariz-Balneario, Cambados, Cuntis, Dozón, Moaña, Mos, Redondela e Silleda asinarán a Declaración Mondariz-Balneario para reivindicar que "as corporacións locais estamos obrigadas nestes momentos a continuar xogando un importante papel: o de evitar que se impoña a dinámica de crispación e de conflito ao tratarmos os temas lingüísticos".

O acto, convocado polo concello de Mondariz-Balneario e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG), pretende "traslarlle á opinión pública galega, e nomeadamente ás súas Administracións, unha mensaxe de galeguidade activa, que é o que reflicte a obra de don Ramón Cabanillas". Na xornada intervirán o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo e o alcalde do concello de Mondariz-Balneario, Xosé A. Lorenzo.

As organizacións convocantes lerán e asinarán a Declaración Mondariz-Balneario, na que se lembra a memoria de Cabanillas baixo o lema "O galego é a lingua propia dos concellos de Galicia", tomado da FEGAMP que este ano conmemorou o 25 aniversario da Declaración do Hostal que 187 alcaldes asinaron en Compostela en 1984 comprometéndose a traballar pola normalización da lingua galega.

Segundo destacan na Declaración, "un dos sinais que definen a autonomía política de Galicia é o carácter oficial da súa lingua, e o recoñecemento dela como primeiro valor cultural e como sinal de identidade do pobo galego, o que comporta a obrigación legal de promocionar o uso do galego". "O método que presidiu a política lingüística deste país -consideran- é a procura do consenso, á marxe de conflitos artificiosos que poden levar a sociedade galega a desandar o que, traballosa e proveitosamente, adiantou desde o establecemento da autonomía política. Noutras palabras, as actuacións nesta materia requiren actitudes positivas, cortesía persoal, tolerancia e capacidade de comprensión nos interlocutores", aseguran.

Por iso consideran que os concellos deben manter os avances conseguidos en normalización lingüística "nos eidos educativo, administrativo, xurídico, económico, ou dos servizos públicos e que sosteñen o uso da lingua galega nestes principios do século XXI". Segundo afirman, "o galego non é patrimonio de ninguén senón que é un vínculo que nos une a todos, revalidando nesta singular conxuntura o protagonismo social e democrática que as corporacións xogaron ao longo das últimas décadas", conclúen.

PROTECCIÓN LEGAL

"A lingua non orixina conflitos"

A Declaración Mondariz-Balneario recoñece o valor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e da Lei de Normalización xa que, segundo indican, "o seu resultado foi que o uso das linguas oficiais en Galicia e nomeadamente do galego non orixinou ningún conflito significativo nin oposición social á progresiva implantación do proceso de normalización".

0 comentarios