A CIG reclama unha Tarifa Eléctrica Galega que permita o mantemento do noso tecido industrial e dos empregos

A central sindical convoca mobilizacións o 18 de decembro nas empresas afectadas polo sistema de adxudicación da interrumpibilidade
A CIG vai promover mobilizacións nas industrias galegas con grandes consumos enerxéticos e nos concellos onde se asentan para demandar unha Tarifa Eléctrica Galega que facilite o mantemento da actividade do noso tecido industrial e dos empregos que del dependen. Unha reivindicación que a central sindical xa incluíra na ILP que presentou no Parlamento galego con 100 medidas para a creación de emprego –rexeitada polo PP- e que hoxe cobra máis actualidade tras das consecuencias da poxa do novo sistema de interrumpibilidade.

Así se anunciou este mércores nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, o Secretario Nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas “Tupi”,  Fernando Blanco, membro da Executiva da CIG-Industria e experto en materia enerxética, xunto con delegados e delegadas da CIG nas empresas afectadas polo sistema de adxudicación da interrumpibilidade como Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic ou SGL Carbón.

O Secretario Xeral da CIG denunciou que “estamos diante dun problema que nos afecta como país” e puxo en cuestión que unha decisión política tomada polo Goberno do estado poña en perigo as nosas capacidades produtivas e de xerar emprego. Especialmente cando o propio Partido Popular defende a competitividade das empresas como arma para saír da crise.

“A CIG quere levar ao debate social a necesidade de contarmos cunha Tarifa Eléctrica Galega, porque somos produtores e exportadores de enerxía”, subliñou Seixo. A este respecto, Fernando Blanco indicou que no ano 2012 Galiza exportou o 40% da enerxía que produciu  “mais non obtivo ningún beneficio. Vai sendo hora de romper esa dialéctica”, aseverou.

Blanco subliñou que ano tras ano Galiza é excedentaria na xeración de electricidade –debido á especialización forzada que se deseñou dende o Estado-, pero non obtemos ningunha contraprestación positiva. Ao contrario, padecemos as consecuencias ambientais e sociais, obrígasenos a ser solidarios con outros territorios, e ao tempo pagamos por unha tarifa eléctrica que está chea de peaxes: prima de capacidade, axudas ao carbón español, custes extrapeninsulares, custes de transporte, moratoria nuclear,  primas as renovábeis, etc.

Xunto a isto, atópase o novo sistema de poxa na adxudicación da interrumpibilidade, con carácter anual, cuxo resultado está a ser utilizado por empresas como Megasa ou Alcoa para xustificar a aplicación de EREs e mesmo o peche de factorías. Este novo sistema, explica Fernado Blanco, xera unha enorme incerteza nas empresas, ao descoñecer cal vai ser o prezo futuro da enerxía. Pero ademais, é opaco, abre as portas á competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, e incluso pode darse o caso de que unha compañía perda premeditadamente unha poxa para aplicar axustes laborais.  

“A tarifa eléctrica actual non recolle as nosas particularidades. Galiza queda con todo o pasivo e non temos beneficio ningún”, critica, engadindo que “resulta intolerábel que haxa empresas que poidan pechar por non termos unha tarifa eléctrica máis baixa”. Sobre esta cuestión, Branco puxo o exemplo de Euskadi, onde o PNV pactou co goberno español unha modificación na definición da alta tensión que permitirá obter unhas peaxes máis baixas á maioría das empresas bascas. O aforro anual previsto con esta modificación sitúase nos 30 millóns de euros.

Concentracións nas empresas o día 18 de decembro

Á vista das circunstancias actuais, resulta indispensábel levar ao debate social a necesidade de termos unha Tarifa Eléctrica Galega que beneficie tanto o consumo doméstico como o industrial. Neste marco, avanzou o Secretario Nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, a CIG vai iniciar unha campaña de mobilizacións naquelas empresas con grandes consumos de enerxía (Alcoa San Cibrao, Alcoa Inespal, Ferroatlántica-Cee, Ferroatlántica-Sabón, Celsa Atlantic, Megasa, e SGL Carbón) para visualizar o perigo que supón para a súa continuidade o propio sistema e a nova regulación da interrumpibilidade.

A primeira destas protestas terá lugar o vindeiro 18 de decembro, con concentración ás portas das empresas mencionadas, coincidindo cos cambios de quenda (que se realizan entre as 13 e as 14 horas).

Así mesmo, logo do período do nadal, tamén se van desenvolver mobilizacións nos concellos onde están asentadas estas empresas e promoveranse posicionamentos das Corporacións Locais. Xa está acordada unha primeira xornada de concentracións para o día 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante dos concellos nos que están situadas as fábricas.

Unha reivindicación presente na ILP promovida pola CIG

Na rolda de prensa, o Secretario Xeral da CIG lembrou que a reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega xa estaba incluída na ILP de 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que a central nacionalista levou ao Parlamento e na que se propuña unha rebaixa nas peaxes do 30%.

A ILP, que foi rexeitada polo PP, contén “propostas moi concretas para a creación de emprego e o crecemento económico. Alternativas ás medidas que formula a Xunta do PP, que non só non están contribuíndo á creación de traballo, senón que favorecen a súa destrución”, denunciou Seixo. Neste senso, criticou que cando organizacións como a CIG presentan propostas como a ILP “a actitude do PP é de rexeitamento”. Cómpre lembrar que a maioría dos/as deputados/as populares nin sequera asistiron ao debate da iniciativa lexislativa e só fixeron acto de presenza para votar en contra.

“Agardamos que ante a gravidade do problema que temos diante, a Xunta non mire para outro lado e adopte as medidas que sexan necesarias para garantir o mantemento dos empregos en Alcoa, Megasa ou calquera outra empresa”. “E se para iso temos que ir á mobilización e á presión social, convocaremos todas as mobilizacións que sexan necesarias”, concluíu Seixo.

Chamada á participación na manifestación de Alcoa

 O Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, fixo unha chamada á participar namanifestación que o Comité de Alcoa ten convocada para este venres, 12 de decembro, ás 19:00 horas, con saída dende a Praza da Palloza e remate na Delegación do Goberno. Filgueira destacou a importancia de defender o continuidade da actividade produtiva e dos empregos nesta empresa, "unha das máis importantes da comarca", e advertiu que "a comarca da Coruña vai camiño de converterse nun deserto industrial".