Magnifico artigo do Catedrático de Economía Xavier Vence no Xornal para comprender o que pasa coa Caixa, desde Idega por suposto que apoiamos e asumimos as teses de Vence, que deberian ser as que aplicaran os politicos que se din galegos.

 

Caixa: espolio sen responsabilidades

Cando algúns denunciamos a estratexia bancarizadora das caixas como un espolio do país mal podiamos imaxinar que a envergadura do espolio ía ser deste calibre. Case do cento por cento. O FROB-Banco de España toma o control absoluto do novo banco NCG (93%) coa inxección de 2.465 millóns de euros, quedando a participanción da Caixa NCG tan só nun 7%. Iso é o resultado dunha valoración do capital da NCG por un 10,56% do seu valor contable (1.714 millóns).

Vaian por diante catro consecuencias inmediatas: producese unha “estatalización” completa do novo banco, ben é certo que non como estadio definitivo senón para logo entregalo a investidores privados; o peso da caixa NCG no banco recén creado será marxinal, perdendo todo control sobre a súa estratexia futura; de acordo coa lei, ao representar menos do 15% a caixa deberá converterse nunha fundación; a obra social da caixa ou fundación, que se nutriría do reparto de dividendos, quedará reducida a un monto que no mellor dos casos será un 5% do que foi en 2008.

O primeiro feito rechamante que nos deixan eses dados é o descubrimento da elasticidade do sistema contable. Os colegas contables e aditores teñen unha árdua tarefa por diante para facer entender á sociedade –e aos economistas tamén- como é posible que unhas contas, debidamente auditadas, supervisadas polo Banco de España e –suponse- pola Consellería de Facenda, que o ano pasado se someteu a unha “due diligence” previa á fusión... acaben tendo unha folgura tal que 1.714 millóns de euros sexan transmutados en 181 millóns. Podemos admitir certa subxectividade na aplicación de certos criterios de prudencia ou de ponderación dos riscos futuros. Pero pasar de 10 a 1 resulta tan excesivo que habería que ir pensando nun novo sistema contable. Nun elemental exercicio de transparencia merecemos unha explicación por parte de todos os implicados. De todos: os executivos, os auditores, a Xunta e o Banco de España.

Si, por acaso, os xestores e supervisores se confabularon para facer ese tipo de contabilidade creativa estariamos diante dun escándalo no que a fiscalía anticorrupción debería obrar de oficio. Se, pola contra, esa infravaloración tan temeraria forma parte dos “incentivos” cos que o Banco de España quere “atraer inversores privados” entón todos os demais deberian –deberiamos- sublevarse de contado. Tanto nun caso coma noutro, a Xunta e o Parlamento de Galicia, teñen a obriga ineludíbel de esclarecer todo o acontecido ao longo deste proceso e, no seu caso, poñer en mans da fiscalía e dos tribunais toda a información. En todo caso, non é concebible que un espolio deste calibre pase sen pena nin gloria, sen un só responsable político dimitido, sen un só directivo penalizado. Para empezar, nin tan siquera coñecemos cantos recursos da entidade de todos foron destinados ás idemnizacións, contratos blindados e xubilacións de ouro dos directivos “prexubilados”.

Máis alá do escándalo numérico é o momento de facer balance, valorar as consecuencias e deseñar unha estratexia de futuro que evite a desfeita definitiva, cuxas consecuencias non é alarmismo calificar de catastróficas para o futuro de Galicia, dos galegos e da nosa economía produtiva. Agora xa sabemos que a fusión foi unha trampa mortal que agrandou o tamaño dos problemas e fixo máis difícil e costoso calquera estratexia de quedarmonos cando menos con unha das caixas que tiñamos hai tan só un ano. Os erros teñen consecuencias e queda claro que a filosofía pedestre de “burro grande ande ou non ande” non é unha gran consigna.

O caso é que este espolio final da Novacaixa-banco é o feito económico-financeiro máis importante das últimas décadas e polo alcance das súas consecuencias podemos afirmar que é dos feitos máis relevantes no eido político. Este feito pode facerse irreversible, a menos que a Xunta de Galicia e outras institucións den os pasos necesarios para negociar co Banco de España unha estratexia de futuro que evite a súa entrega a prezo de saldo a fondos privados. Unha vez que se deu o paso da nacionalización, con infravaloración do capital propio, a única saída respetuosa cos intereses de Galicia e dos contribuintes é que o novo banco siga sendo indefinidamente público pero onde a representación pública sexa asumida nunha porporción maioritaria por representantes designados polos poderes públicos de Galicia -¿ou nós non contribuimos ao FROB?-. Non só da Xunta senón dunha representación máis ampla dos intereses do país. Non para ser unha correa de transmisión directa dos dictados do poder político de cada momento senón para garantir un exercicio profesional independente que responda aos intereses máis xerais da sociedade.

A ausencia de pasos nesta dirección por parte da Xunta de Núñez Feijóo revela a súa aceptación dun desenlace fatal, evidenciando unha pasividade e entreguismo que marcará a fogo esta lexislatura, pero o máis grave e transcendental é que todo iso mudará de xeito substancial as potencialidades do desenvolvemento do país no futuro e a capacidade das institucións de autogoberno para impulsor e orientar ese desenvolvemento.

Agora que Alemaña é un facho de virtudes para todo sería o momento de tomar nota da eficacia e pragmatismo do modelo alemán, onde ao lado da gran banca global existe unha inmensa rede de 410 caixas-bancos públicos que son o pulmón financeiro da pequena e mediana empresa alemá e un instrumento clave da cohesión territorial.

Por desgraza, Galiza afrontou este trance gobernada por un partido de obediencia estatal, coa menor autoestima de todos os habidos desde o implantación da autonomía e supeditando os intereses do país á estratexia do PP estatal para chegar á Moncloa, o que resulta incompatible con contrariar os sagrados dictados da gran banca e o verdadeiro poder financeiro e mediático. É unha aposta que sacrifica o país e o empresariado do país, pero esas son as súas prioridades neste momento. E aínda tería un arranxo se o país –e o seu empresariado- sacase deste crucial acontecemento leccións de cara ao futuro. Como en tantos outros momentos, Cataluña e o País Vasco mostran co seu singular desenlace que a economía e a conciencia nacional son as dúas follas da tesoira imprescindibles para cortar o bacallau nun estado cunha irrefrenable vontade centralizadora e un poder financeiro insaciable que asfixia a economía produtiva