NICK DEARDEN DIRECTOR DA JUBILEE DEBT CAMPAIGN COUNTERPUNCH

Esta semana testemuñamos dúas reaccións moi diferentes fronte á débeda europea. Nun extremo de Europa, electores de Islandia decidiron unha vez máis non aceptar os termos de pagamento dos seus "acredores", os gobernos británico e holandés, logo do colapso de bancos islandeses en 2008. No outro, Portugal está a ser empurrado cara ao camiño da terapia de choque pola Unión Europea, co pobo dese país excluído dun proceso que mudará a súa vida de xeito dramático.

Nin Islandia nin Portugal terán a vida fácil os vindeiros anos. Mais hai un mundo de diferenza entre o rexeitamento do pobo de Islandia a "pagar por bancos fallidos", nas palabras do seu presidente, e o sufrimento que está a ser imposto dende fóra a Portugal. O responsábel do Banco Central Europeo, Jean-Claude Trichet, deixou moi claro que as negociacións sobre o futuro de Portugal "non son certamente un tema de debate público".

O pobo de Islandia non tivo unha reacción automática. As persoas alí son ben conscientes de que o rexeitamento a pagar a curto prazo é o camiño menos doado a adoptar. Un inminente proceso xudicial por parte do Reino Unido e de Holanda, a reacción negativa dos mercados de crédito e o ameazado bloqueo á súa entrada como membro da UE cobrarán a súa peaxe.

Mais para o pobo de Islandia a ortodoxia de como se supón que os países deben tratar de débedas non é simplemente enrevesada, é profundamente inxusta, distribuíndo de modo non razoábel poder e riqueza dentro e entre as sociedades. O elector de 28 anos Thorgerdun Ásgeirsdóttir dixo: "Sei que isto probabelmente nos prexudicará internacionalmente, mais paga a pena tomar unha posición".

Se o pobo dun país que realmente entrou na ideoloxía do mercado libre, dos mercados de capitais desregulamentados e dos préstamos baratos, pode negarse a pagar polos crimes dos bancos, entón pódese esperar que aqueles que o fixeron menos ben durante as décadas de boom financeiro se sintan aínda máis entusiasmados.

En Grecia, a ira comeza a se transformar nun desafío construtivo contra o poder das finanzas. Centos de académicos, políticos e activistas apelaron a unha comisión de auditoria da débeda. Tal comisión abriría todas as débedas de Grecia ao exame público –confrontando directamente o xeito como o FMI e a Unión Europea traballan a portas pechadas para espetar os seus moitas veces desastrosos remedios aos países membros.

Como dixeron algúns activistas gregos: "un pobo que está destinado a correr cos custos dos programas da Unión Europea ten o dereito democrático de recibir plena información sobre a débeda pública. Unha Comisión Auditora pode comezar a corrixir esta deficiencia".

A resolución popular actualmente está a ser reforzada por un sitio web fantástico –un filme viral chamado debtocracy (goberno pola débeda)– que varre entre a poboación online de Grecia e a convence de que foi enganada. A principios do próximo mes activistas de toda a Europa e do mundo en desenvolvemento reuniranse en Atenas para estabeleceren en conxunto un programa que desafiará as políticas do FMI en Grecia.

O acordo de Portugal só comeza a ser cociñado. Como en Grecia e Irlanda, un paquete de salvamento (bail-out) beneficiará primariamente a bancos de Europa Occidental, con 216 mil millóns de euros de préstamos en aberto a Portugal, mentres que as persoas do común aguantarán un programa de cortes profundos nos gastos, dereitos dos traballadores reducidos e privatizacións xeneralizadas. O responsábel do Banco Carregosa, de Portugal, declarou ao Financial Times: "Non é unha esaxeración chamar a isto terapia de choque".

As comparanzas con países en desenvolvemento son obvias e os erros cometidos alí xa están a ser repetidos. Moitas veces os bancos foron salvados e as persoas máis pobres do mundo foron empurradas cara a unha pobreza aínda máis profunda. Países que van desde Serra Leoa á Xamaica están a amorear cada vez máis débedas, sempre máis, para aplacar a tempestade dos banqueiros.

Velaí porque debe ser trazada unha liña en Europa. Despexar máis débeda por riba das desgrazas acumuladas de Portugal non servirá para resucitar a economía. A débeda de Portugal é totalmente insustentábel –en gran medida resultado de préstamos privados irresponsábeis ao longo da última década. Os responsábeis están a ser salvados, os que non o son sofren as dores. Foi por isto que Islandia rexeitou pagar a débeda.

O pobo de Islandia ergueuse pola súa soberanía. O seu futuro parece considerabelmente máis brillante que o de Irlanda ou de Portugal. O pobo de Grecia está só a comezar a súa loita. Os resultados terán un impacto monumental sobre o combate contra a pobreza e a desigualdade en todo o mundo.

Fonte: galiciahoxe