A continuacion o comunicado da CIG referente a privatización das Caixas, IDENTIDADE GALEGA concorda totalmente co texto da CIG e o apoia en todolos seus terminos.

------------------------------------------

Posición da CIG ante a privatización das Caixas

O proceso conta co respaldo, tanto do PP, como do PSOE
A semana pasada unha misión do FMI, organismo que defende a privatización dende ano 1999, reuníase co Goberno e co Banco de España, para, ao igual que fixo no seu momento coa da reforma laboral, a reforma das pensións ou a da negociación colectiva, indicarlle as directrices que o capital financeiro internacional tiña para as Caixas de Aforros, que non son outras que a súa inmediata privatización.

Desde que o Goberno, ao amparo da necesidade de estruturar o sistema financeiro español, iniciou o proceso de fusión das Caixas de Aforro ou de constitucións dos SIPs, desde a CIG manifestamos o noso convencemento de que o obxectivo último era a súa bancarización e privatización. O Goberno e o Banco de España ían utilizar recursos públicos (o FROB) para sanear as Caixas, reestruturar cadros de persoal eliminando moitos postos de traballo e finalmente entregarlle estas entidades públicas ao capital privado, un negocio perfecto polo que leva moitos anos suspirando a banca privada, para poder facerse co volume importante de recursos económicos que moven as Caixas, máis do 50% do aforro dos cidadáns. Pois ben, as medidas que vén de anunciar o Goberno confirman plenamente as nosas teses.

 

Este proceso de privatización das Caixas conta co respaldo total e absoluto, tanto do PP como do PSOE, e é das poucas materias nas que hai xa algúns meses se puxeron de acordo Zapatero e Rajoy, actuando ambos os partidos como fieis servidores dos intereses dos intereses da banca española e do capital financeiro internacional. O Goberno español e o gobernador do Banco de España actúan como se estivesen a soldo dese capital financeiro, probabelmente, ademais de por motivacións ideolóxicas, preparando un postiño ben remunerado no futuro, cando deixen os seus cargos institucionais.

 

No caso en concreto de Novacaixagalicia, é solvente e viábel, como demostra a autorización para fusionarse; outra cuestión é que se pretenda utilizar a esixencia de determinados ratios de solvencia como escusa para privatizar a entidade. Por outra banda, as Caixas de Aforros son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, polo tanto o Goberno pretende utilizar a súa capacidade en materia de supervisión para laminar a nosa soberanía económica e o noso autogoberno.

 

Feita esta avaliación xeral, polo que respecta ás medidas concretas anunciadas polo Goberno do PSOE queremos precisar o seguinte:

 

Primeiro: o Goberno pretende eliminar o período transitorio, previsto en Basilea III, que vai do 2013 ao 2019, para incrementar os recursos propios das entidades, un core capital do 8% (ratio de solvencia), que, curiosamente, poderá ser maior nas Caixas de Aforros, forzando así uns prazos que fan imposíbel o cumprimento destes por parte das ditas entidades. Así mesmo estableceu un límite para a dependencia de financiamento dos mercados maioristas do 20%.

 

Esta medida, claramente discriminatoria, supón impor uns ratios de solvencia ás Caixas de Aforros superiores ao do resto das entidades financeiras europeas. A súa finalidade non é pois outra que xustificar e acelerar a privatización das Caixas, sen que teña nada que ver coa actual solvencia e viabilidade dunha fusión que, insistimos, foi aprobada hai mes e medio polo Ministerio de Economía e o Banco de España.

 

Segundo: se a CIG ten unha posición claramente contraria á privatización, o momento escollido polo Goberno, coa incerteza económica e a volatilidade dos mercados, dificultará a consecución do capital preciso e só pode levar a privatización das Caixas a prezo de saldo.

 

Terceiro: o Goberno pretende que o Banco de España poida requirir a cada entidade uns ratios de solvencia distintos e o incumprimento daría lugar a unha intervención temporal durante un prazo de 5 anos, que iría precedido dunha bancarización previa, despois do cal a entidade sería vendida ao mellor postor, ou ao máis amigo.

 

Cuarto: Máis alá da capitalización e a conversión da Caixa nun banco privado, o Banco de España poderá solicitar en setembro un novo plano de reestruturación que pode implicar novos despedimentos.

 

Así mesmo, defendemos que, conforme á Lei Galega de Caixas, a Xunta de Galicia lidere e involucre o resto das administracións (Deputacións, Concellos, etc.), co fin de realizar achegas para garantir o cumprimento das ratios de solvencia impostas polo Goberno central. Igual que noutro momento da nosa historia houbo institucións galegas que realizaron o esforzo de dotarse de Caixas de Aforros, hoxe é o momento de salvagardar a nosa Caixa apostando por ela as institucións públicas actuais.

 

A privatización da entidade terá unha repercusión grave sobre a Obra Social. Os beneficios que repercutían na sociedade a través da Obra Social rematarán agora no peto dos accionistas. Así mesmo, Galiza perderá a capacidade de xestionar o aforros dos galegos e galegas para crear riqueza e emprego no país, apoiando aos sectores e empresas estratéxicos para a nosa economía, o que en definitiva lastrará a recuperación económica e o noso futuro.

 

Como dixemos cando nos manifestamos, o 4 de decembro de 2009, polas rúas de Santiago de Compostela, a CIG defende a existencia dunha caixa de aforros ao servizo do país, en defensa do emprego, da galeguidade e do carácter público e social das Caixas.

 

 

Compostela, 25 de xaneiro de 2011.