Blogia
IDENTIDADE GALEGA

Galicia cultiva transxénicos perigosos para a saúde

Galicia cultiva transxénicos perigosos para a saúde

Fonte "Amigos da Terra"

9 municipios de Galicia acolleron ensaios ao aire libre dun millo transxénico que dana a fertilidade de ratos.


En España cultiváronse só neste ano 98 campos experimentais cun millo transxénico cuxos danos sobre a saúde foron recentemente demostrados. 93 municipios de todo o estado, dos cales 9 son galegos,  albergaron ensaios ao aire libre con este transxénico, o que expón graves riscos de contaminación. Amigos da Terra esixe a retirada dos transxénicos xa aprobados e o fin dos ensaios experimentais ao aire libre.


En España este millo (coñecido como NK603 x MON810) foi cultivado de forma experimental ao aire libre desde 2004 por parte das empresas Monsanto, Pioneer e Limagrain Ibérica, en máis de cen campos experimentais de Cataluña, Extremadura, Madrid, Galicia, Navarra, Castela e León, Castela A Mancha, Aragón e Andalucía. Un total acumulado de case medio millón de metros cadrados cultivados con este transxénico durante os últimos anos, co risco que expón de contaminación doutros campos de millo.


En Galicia este millo transxénico cultivouse de forma experimental  os últimos tres anos, en leiras de Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Val do Dubra, Touro, Arteixo, Villalba Chantada, Castro de Rei e Lalín.  [1].

O Ministerio de Medio Ambiente deu luz verde a estes ensaios alegando que: “Considérase que no estado actual de coñecementos e coas medidas de uso propostas, os ensaios non supoñen un risco significativo para a saúde humana e/ou o medio ambiente.” [2]


Dende Amigos da Terra afirmamos: “Se non temos os coñecementos suficientes como para garantir a seguridade destes cultivos antes de liberalos ao medio ambiente, é unha auténtica irresponsabilidade autorizalos”.


O pasado 11 de novembro presentábase nun seminario científico en Viena un estudo encargado polos Ministerios de Sanidade e de Agricultura de Austria sobre os efectos dos transxénicos na saúde. Esta investigación, unha das poucas realizadas sobre impactos a longo prazo do consumo de transxénicos, concluíu que a fertilidade de ratos alimentados co millo modificado xeneticamente NK603 x MON810 viuse seriamente danada [3]. Este millo está aprobado para a súa importación na Unión Europea para uso en alimentación humana e animal.

“Agora que se demostrou que este millo supón un risco para a saúde, todo o proceso de aprobación queda en dúbida. Non nos podemos sentir seguros cos transxénicos que hai no mercado. Non podemos seguir tolerando que as multinacionais experimenten coa nosa saúde co visto e prace do Goberno e das autoridades europeas” engadiu Amigos da Terra.


Notas:

[1] Información obtida da web do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño

Hai un resumo da localización dos ensaios en Galicia aqui

[2] Ver, por exemplo unha das últimas autorizacións

[3] Máis información e o estudo científico completo aqui

0 comentarios