Facebook Twitter Google +1     Admin

Fadesa, mais galegos no paro.

Martinsa-Fadesa terá que precindir de máis de 200 empregados

Europa Press O expediente de regulación de emprego que Martinsa-Fadesa presenta hoxe ante a autoridade laboral afectará a 234 traballadores, o 26,5 por cento do seu cadro de persoal, segundo informaron a Europa Press fontes de CC.OO. e UGT.

Os responsábeis de Recursos Humanos da inmobiliaria, que controla e preside Fernando Martín, cuantificaron a dimensión do axuste de persoal previsto pola empresa nunha reunión celebrada na mañá de hoxe en Madrid cos representantes dos traballadores

Martinsa-Fadesa traballaba neste axuste desde hai meses, pero finalmente a súa concreción coincidiu na mesma xornada na que a inmobiliaria presentou concurso voluntario de acredores. A suspensión acordouse onte luns na reunión do consello da inmobiliaria, despois de que a empresa constatase as súas "graves" dificultades de liquidez ante a imposibilidade de obter un crédito de 150 millóns de euros. A inmobiliaria necesitaba este empréstito para cumprir as condicións do contrato de refinanciamento subscrito en maio.

Martinsa-Fadesa soporta actualmente unha débeda duns 5.100 millóns de euros, pero asegura contar cun patrimonio inmobiliario valorado nuns 10.800 millóns de euros.

Reunión ao longo da xornada

Nunha nova reunión entre empresa e sindicatos que terá lugar esta mesma tarde, os representantes dos traballadores agardan obter detalles sobre o expediente de regulación de emprego (ERE), como son a distribución xeográfica dos empregados afectados ou a compensación económica que se lles ofrece.

Dos 880 traballadores da empresa, 181 empregados están na sede da Coruña, máis 28 persoas que tamén traballan en Galiza en labores de construción. O expediente de regulación de emprego proposto inicialmente pola inmobiliaria afectaría a 60 traballadores galegos.

Preocupación nos sindicatos

Fontes da Federación de Metal, Construción e Afíns da UGT (MCA-UGT) expresáronlle a Europa Press a preocupación do sindicato, non só polos efectos do ERE sobre o persoal de Fadesa, senón polo seu impacto en subcontratas que empregan a unhas 3.000 persoas e nas empresas provedoras.

Pola súa banda, o portavoz da Federación de Construción, Madeira e Afíns de CC.OO., Antonio Garde, adiantou que esixiranlle á dirección da empresa un plan de viabilidade que garanta o futuro da compañía a "medio e longo prazo", ademais de "as mellores condicións para os traballadores que teñan que abandonar a compañía".

Na súa opinión, a situación económica de Martinsa-Fadesa é "terríbel" e podería desembocar na desaparición da empresa nun prazo breve de tempo, "o que levaría ao despedimento dos 600 empregados restantes".

17/07/2008 18:00 Idega Enlace permanente. sin tema


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris
Plantilla basada en el tema iDream de Templates Next